Kauflanders de Olaia Sendón Ogando

KAUFLANDERS 

de OLAIA SENDÓN OGANDO

GALICIA 2016; 68’




SINOPSE 
O futuro proxectado para nós dilúese nun mundo de mutacións e incertezas constantes. O pasado recente bórrase nunha memoria tan ateigada de imaxes como volátil e, mentres, nós os Kaufanders, reunímonos para cear, falar do mundo e intentar construír unha memoria que nos defina e nos recorde. 
A idea do filme xorde na realizadora tras sentir que a súa é unha xeración á que se lle dixo que todo era posible, que podía ser todo o que quixese, pero a realidade veu colapsar esas certezas presentando un futuro máis imprevisible que nunca. Que quedará de nós?. 
Durante dous anos invita diferentes persoas da súa contorna a cear e falar do mundo. O guión do filme está feito integramente coas transcricións destas ruidosas, e intensas sobremesas. 


OLAIA SENDÓN OGANDO 

Realizadora, artista visual, docente e guionista nada en Ourense no 1978. Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona e DEA en Publicidade pola Universidade de Vigo, 2002. É docente na Escola de Imaxe e Son da Coruña dende o ano 2002. Entre os seus traballos destacamos: The Gaze of the Beachcomber, Míjau, Ganduis, Os fabulosos irmáns da luz. A casa de Lola de Andrés 

Este é o seu último traballo.



Aí van algúns enlaces:




*Contaremos coa presenza da realizadora que virá a  presentar o seu traballo e charlar coa xente que asista á proxección

Funes, o inventor da lúa de Enrique Otero e Unary de Luís Avilés Baquero

FUNES, O INVENTOR DA LÚA 
de ENRIQUE OTERO

GALICIA 2016; 48’





SINOPSE
Documental biográfico sobre o inventor Eugenio Funes, que tras ser unha das pezas fundamentais na carreira espacial e na conquista da Lúa, rematou os seus días dramaticamente nunha autocaravana na súa Galicia natal.
Este proxecto xorde polo descoñecemento que se ten de Funes, un galego da comarca de Quiroga, de principios do século XX, obsesionado coa ciencia e a física. Un inventor puro que abandonou todo para cumprir o seu soño, ir aos Estados Unidos traballar na NASA. Alí levou a cabo o maior invento da súa vida, e un dos máis importantes da historia da humanidade, o retilador, que fixo que o Proxecto Apollo fose un éxito. O documental mestura gravacións de finais dos anos 60 nos Estados Unidos, da NASA, recreacións dos inventos, entrevistas con familiares e amigos de Funes...unha mestura de formatos cinematográficos, acompañados de testemuñas sorprendentes que deron como resultado un traballo minucioso arredor dunha biografía extraordinaria.


ENRIQUE OTERO
Guionista, realizador, produtor e músico nado na Coruña no 1978.
Ten unha longa traxectoria no audiovisual galego no que vén traballando na televisón, publicidade, composición de banda sonoras, curtametraxes, videoclips, documentais e longametraxes. Entre os seus traballos destacamos as curtametraxes, Coitelo (1992), Parole (2005), Os Crebinsky (2002), En plan Galicia (2006), A dúas velas (2006). A súa ópera prima na longametraxe é Crebinsky (2009). Neste momento atópase traballando na preprodución de Caixa negra, e Ningún deus aquí arriba


Aí van algúns enlaces:
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/08/08/galicia/1344458144_165771.html

UNARY 

de LUÍS AVILÉS BAQUERO
GALICIA 2015; 18’



SINOPSE

Tras vinte anos en prisión Lucas debe facer fronte a unha nova vida, a un novo mundo que xa no recoñece. A soidade é maior do que esperaba tras perder todo o que tiña. Será Lucas quen de empezar de cero? 


LUÍS AVILÉS BAQUERO

Realizador e montador nado en Bogotá (Colombia) no 1969. Formado en Dirección e Montaxe cinematográfica no CECC (Centre de Estudis Cinematografics de Catalunya). Ten traballado como realizador en programas de televisión como Criaturas e Casamos, para a Televisión de Galicia. Director da curtametraxe A Subela (2003). Debuta na longametraxe con Retornos, presente nos festivais de Montreal, Valladolid, Sao Paulo e León.

Con Unary, acada tamén o Premio á Mellor urtametraxe nos Mestre Mateo 2015.
O seu último traballo é a codirección da longametraxe documental Os días afogados, gañador do Mestre Mateo 2016.


Aí van algúns enlaces:



*Contaremos coa presenza dos realizadores que virán a  presentar o seu traballo e charlar coa xente que asista á proxección


Xiana Gómez Díaz - Varias Pezas


XIANA GÓMEZ DÍAZ

VARIAS PEZAS (2009-2016); 57’
ESPAÑA/USA





Dúas pitas (2009/2013) - 5'30''. Sinopse: Dúas galiñas e dúas mulleres, avoa e neta, unha tarde de verán.

Encontros con entidades (2013-14) serie (3 pezas , 3:28, 2:49, 1:49). Sinopse: instantes de encontro e fascinación coa natureza.

Sotobosque 1 (2016) - 5'45''. Sinopse: retrato dun animal invertebrado no chan forestal: como se move, o seu ritmo, a súa ollada.

While it spins (mentres dá voltas) (2014)- 3'12'' Sinopse: dous nenos, nunha atracción de feira, dando voltas.

Mira para aquí un momento (2015)- (4'17''). Sinopse: retrato dunha nena preadolescente feito polo seu pai. A relación entrambos pasa de estar dirixida unilateralmente polo pai, que trata de moldear a filla ao seu gusto, a converterse? nun xogo tenso, quizais o principio dunha escisión. Esta peza forma parte da investigación artística Proxecto diario (2013-2016).

A real woman (2012/2013) - 2'29''. Sinopse: no tumulto alienante da pista de xeo artificial do Rockefeller Center, unha muller deixa entrever o seu amor pola patinaxe e a música.

Estrada dunha soa dirección (2016)- 28'. Sinopse: aproximación ao prostíbulo de estrada como non-lugar, analizándoo a través da súa materia, arquitectura, localización, elementos publicitarios, e tamén a través do silencio social que o envolve. A película cataloga os 22 prostíbulos de estrada activos en Navarra no 2015.


XIANA GÓMEZ DÍAZ
Realizadora, artista visual. Creadora e produtora musical. Nada en Lugo no 1982. Licenciada en Xornalismo na Universidade de Southampton e tamén licenciada e doutorada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona. Co-fundadora da produtora Walkie Talkie Films (2008), especializada en cine documental de autor e vídeo experimental. Desenvolve proxectos artísticos cunha base de investigación, especialmente en torno ao relato íntimo, a identidade e o significado e construción do xénero e, por outra banda, a interacción entre a natureza e o ser humano.





*Contaremos coa presenza da realizadora que virá a  presentar o seu traballo e charlar coa xente que asista á proxección

Con tecnoloxía de Blogger.

(cc) Creative Commons BY-NC-SA 3.0 · Cineclube Lumière

Modelo: Urang-kurai / fornecido por Blogger