A simple life

A    SIMPLE    LIFE    (UNHA VIDA SINXELA) 

 CHINA  2011;   

111minutos/ COR V.O.S.C.    




-PREMIO EQUAL OPPORTUNITY, PREMIO GIANNI ASTREI, PREMIO NAZARENO TADDEI, PREMIO SIGNIS, COPA VOLPI Á MELLOR ACTRIZ, DEANNIE YIP, NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE DE VENECIA, 2011
-PREMIO Á MELLOR ACTRIZ, DEANNIE YIP E MELLOR ACTOR, ANDY LAU, NOS PREMIOS DO CINE ASIÁTICO, 2012
-PREMIO Á MELLOR ACTRIZ, DEANNIE YIP, MELLOR ACTOR, ANDY LAU, E CABALO DE OURO Á MELLOR DIRECCIÓN NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE DE DURBAN, 2012
-PREMIO Á MELLOR ACTRIZ, DEANNIE YIP E MELLOR ACTOR, ANDY LAU, MELLOR DIRECCIÓN E MELLOR GUIÓN, NOS PREMIOS DO CINE DE HONG KONG, 2012
-PREMIO AO MELLOR FILME E Á DIRECTORA COMO MELLOR ESTUDANTE ESTRANXEIRA, NOS PREMIOS PARIS CINEMA, 2012

SINOPSE
Cóntanos a relación de toda unha vida entre Roger, un produtor de cine de mediana idade, e a súa asistenta, unha muller que se ten ocupado del dende neno e ten traballado para a súa familia durante máis de sesenta anos. Cando ela se xubila, non ten a ninguén que a poida axudar, así que el decide devolver tantos anos de servizo.

ANN HUI
Actriz, produtora e realizadora nada en Anshan, Manchuria, en 1947. A familia desprázase a Macau e logo a Hong Kong cando ela tiña cinco anos. Graduada en Lingua e Literatura inglesa pola Universidade de Hong Kong en 1972. Logo viaxa a Londres a estudar dous anos na London International Film School. Volve a Hong Kong en 1975, iníciase profesionalmente traballando para TVB como directora, realizando series e documentais en 16 mm e como asistente de King Hu. A súa obra con máis sona desta época é Boy From Vietnam (1978), primeira da triloxía de filmes sobre Vietnam. Deixa a televisión en 1979, e debuta no cine coa longametraxe The Secret, un “thriller” baseado nun caso de asasinato real protagonizado pola taiwanesa Sylvia Chang, que foi ben recibido pola crítica e público. En 1981 dirixe The Spooky Bunch unha historia de fantasmas e The Story of Woo Viet coa que continuaba a triloxía vietnamita. Os seguintes filmes céntranse en asuntos políticos e sociais, Boat People (1982), Love in a Fallen City (1984). The Song of Exile (1990) filme semiautobiográfico, no que amosa a perda da identidade e a desorientación dunha nai exiliada e a súa filla ao chocaren coa cultura e a historia do país que as recibe.

Outros dos seus filmes, Summer Snow (1995), Eighteen Springs (1997), Ordinary Heroes (1999), July Rhapsody (2002), Jade Goddess of Mercy (2003), The Postmodern Life of My Aunt (2006). O seu ultimo traballo é o segmento My Way, dentro da película Beautiful (2012).


podedes ollar o tráiler subtitulado en español en: http://www.youtube.com/watch?v=thjL5Vrbkd0

Con tecnoloxía de Blogger.

(cc) Creative Commons BY-NC-SA 3.0 · Cineclube Lumière

Modelo: Urang-kurai / fornecido por Blogger